Neste trimestre, o alumnado de 1º da ESO mergullouse no colorido e expresivo mundo de Keith Haring, un artista coñecido polos seus debuxos cheos de movemento, liñas negras marcadas e mensaxes moi potentes.
Comezamos o proxecto coñecendo a súa vida e obra: falamos da súa traxectoria, das súas influencias e do seu estilo tan característico. A partir desta pequena investigación, cada grupo fixo un bosquexo cun deseño inspirado nas súas figuras humanas dinámicas e expresivas.
Despois, pasamos á parte máis creativa e divertida: elaborar en grupo unha silueta a tamaño real. Para iso, un dos membros do grupo deitouse no chan e os demais marcaron a súa silueta cun lápis sobre papel continuo.
Cada alumno e alumna do grupo encheuna despois con deseños propios ao estilo de Keith Haring, empregando liñas grosas, cores vivas e formas repetitivas.
Esta actividade permitiunos traballar a expresión corporal, o deseño, a liña, a figura humana e a inspiración artística, ao tempo que coñecemos a obra dun artista comprometido e innovador.