A actividade comezou cunha lectura comprensiva sobre a teoría da COR e un cuestionario teórico sobre esta, que nos permitiu repasar conceptos fundamentais como o círculo cromático, as cores primarias, secundarias, cálidas, frías, complementarias, etc.
A seguir, en parella elaboraron unha infografía sobre a vida e a obra de Takashi Murakami, combinando texto e imaxes para sintetizar visualmente os aspectos máis destacados do seu estilo, a súa carreira e a súa filosofía artística.
Como actividade final, puxemos en práctica todo o aprendido: cada estudante creou o seu propio círculo cromático inspirado na icónica “Flor de sol” de Murakami. A partir da súa característica flor sorrinte, reproduciron con precisión as cores do círculo cromático, combinando creatividade, técnica e coñecemento.
Todas estas creacións foron expostas nun mural colectivo acompañado de imaxes do artista, que agora decora unha das paredes do colexio e enche o espazo de vida, alegría e moita cor.
Un proxecto no que arte, teoría e expresión plástica se dan a man para seguir aprendendo dun xeito activo, visual e significativo.